Mar achega oito drons para tarefas de salvamento e descontaminación no mar

luns, 7 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

A Consellería do Mar presentou a semana pasada novidades tecnolóxicas relevantes no programa de dotación e renovación de medios para o labor do persoal mariñeiro. Así, subministraranse 8 drons, dos cales 4 serán submarinos e os outros 4, aéreos, co fin de favorecer as tarefas de salvamento e loita contra o furtivismo e a contaminación mariña.
Desta forma, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé “no importante papel do Servizo de Gardacostas de Galicia na protección do medio mariño e das tarefas de salvamento e loita contra o furtivismo e a contaminación mariña”. Quintana destacou “a dársena coruñesa de Oza como zona onde partiu a bordo unha embarcación para comprobar o funcionamento destes medios”.
En xeral, os drons están distribuídos nas bases que Gardacostas ten na Coruña e Vigo e tamén nos servizos centrais de Santiago de Compostela e na embarcación itinerante Paio Gómez Chariño. Cabe mencionar que nos dous últimos casos son para os desprazamentos itinerantes por toda a costa. Este novo equipamento supón un custe total de arredor de 22.000 euros.
A iniciativa súmanse ao plan de renovación parcial da frota que está a desenvolver a Xunta no Servizo de Gardacostas e que leva acumulado máis de 12 millóns de euros de investimento. Ademais, a estas unidades engadiranse outras que supoñen un investimento total de máis de 10 millóns de euros. Por exemplo, 4 patrulleiras lixeiras con base en Ribeira, Celeiro, Vigo e A Coruña. Todas as embarcacións son aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Doutra banda, ampliarase o cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporará máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo, e coa renovación de máis dunha vintena de vehículos.

PUBLICIDADE