Mar Pereira inaugurou as xornadas da UVigo sobre o talento feminino no ámbito tecnolóxico

xoves, 10 de marzo do 2022 Anxo Sesto

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou este mércores 9 de marzo, o escenario de oportunidades laborais no ámbito da ciberseguridade para os vindeiros anos. Xunto con Manuel Reigosa, reitor da UVigo, Mar Pereira participou na inauguración da xornada sobre Mulleres e ciberseguridade, da que informamos este mércores en Código Cero salientando que contou con debates de diferentes personalidades no eido da seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos.
A directora da AMTEGA lembrou que en Galicia, soamente o 5,05% das empresas que dispoñen de perfís tecnolóxicos contan con persoas empregadas especializadas en ciberseguridade. Tamén engadiu que o número de mulleres neste campo e o a oferta deste traballo, subiron e subirán significativamente nos próximos anos. A Xunta aproveitará a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, para avanzar na equidade de xénero e fomentar a atracción de talento feminino neste ámbito. A construción deste centro contará cun investimento de 3,5 millóns de euros, que representan case un 20% dos 18 millóns que a Xunta destinará a iniciativas de ciberseguridade e resposta ante novas amezas. Mar Pereira tamén anunciou xornadas informativas sobre ciberseguridade os días 21 e 22 de abril para persoas que cursen o último ano da ESO.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha outras iniciativas entre as que se atopan o programa Ciberseguridade Kids, con contacontos divulgativos; GirlsSteam, un programa de obradoiros de experimentación tecnolóxica sobre o papel da muller nos sectores tecnolóxicos, e o apoio a unha campaña da Xunta con moitas máis actividades.

PUBLICIDADE