Mar Capeáns, científica do CERN, intervén hoxe no programa Girl STEM

luns, 14 de outubro do 2019 Redacción

Seguen adiante as actividades de impulso de vocacións tecnolóxicas femininas de Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA. Hoxe pola mañá é a quenda de Mar Capeáns, científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear). A sesión coa rapazada será no Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 11:30 e as 13:00. Participará alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Chapela, CPI Toural de Vilaboa, o IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e os IES A Xunqueira I e II.
Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Mar Capeáns intentará desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados.
Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Quen é Mar Capeáns
Científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física ese mesmo ano.
Tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen- Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000 regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a súa actividade no deseño e construción do detector.
Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017. En 2017 a Doutora Capeáns lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL- LHC, a futura fase do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.

PUBLICIDADE