Manzaneda máis preto, a golpe de rato

martes, 1 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Din os entendidos que o “boca a boca” é a mellor campaña de publicidade que se lle pode facer a un produto ou servizo. Da mesma maneira, un “disque” ou “díxome tal” negativo, pode facer que unha empresa pase da noite para a mañá a estar en cifras negativas sen nin sequera notar un pequeno esforzo por parte do público obxectivo para achegarse ata alí e comprobar que o que se di é certo.
Isto vén a conto porque Cabeza de Manzaneda, a única estación de esquí que temos en Galicia, onde por certo se atopa un dos paraxes máis privilexiados da nosa xeografía, leva moitos anos vendo como os posibles visitantes deixan de achegarse ata alí por mor de comentarios do tipo de “a estación é moi pequena”,hai moi poucas pistas”, “case non hai neve”, “por un pouco máis xa case vos poñedes en San Isidro”… que desvían a atención dos visitantes cara outras estacións de fóra de Galicia.
Porén dende agora, grazas á iniciativa da galega Factoría Eurodigital, Cabeza de Manzaneda vai poder botar man das novas tecnoloxías para seducir aos seus futuros visitantes e incrementar as súas visitas alén da tempada alta de esquí.
Grazas ás vantaxes que esta empresa pontevedresa atopou no uso do formato 360º (empregado noutros proxectos anteriores), Cabeza de Manzaneda vén de converterse, segundo afirman, “na primeira estación de esquí virtual de Europa”, totalmente dispoñible na Rede para calquera internauta interesado en visitar o recinto.
A través do enderezo www.cabezademanzaneda.descubregalicia.com, a comunidade internauta pode iniciar unha completa viaxe virtual por Cabeza de Manzaneda, adentrándose nun percorrido que presenta a golpe de click todas as instalacións e servizos que ofrece a estación.
Pistas e remontes, restaurantes, aloxamentos… preséntanse perante o visitante en visión panorámica de 360 graos, unha técnica que permite obter unha impresión o máis cercana posible á realidade do paraxe natural ourensán.
Este novo servizo virtual, que foi presentado recentemente polo xerente da estación de Manzaneda e responsables de Factoría Eurodixital, responde aos principios de “innovación e sinxeleza” que sempre presidiron as creacións da compañía pontevedresa, dende a cal aseguran que “será unha ferramenta de grande utilidade para Manzaneda, que contribuirá a atraer novos visitantes e fidelizalos”, sinala o director de Factoría Eurodigital, José Manuel García.
As imaxes nas que se basea este traballo foron tomadas durante a pasada ponte da Constitución e mostran as primeiras neves da tempada porén dende a entidade desenvolvedora aseguran que se realizarán novas instantáneas “para presentar outra imaxe deste enclave de montaña”.

PUBLICIDADE