Mando para a Xbox 360 con compoñentes de máquina recreativa

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Os lanzamentos de videoxogos de loita provocan habitualmente a chegada ao mercado de novos controladores de xogos que imitan os mandos das máquinas creativas nas que cobraran éxito este tipo de xogos que son difíciles de controlar con precisión cos gamepads que veñen de serie coas consolas, xa que os movementos que hai que executar para lanzar ataques especiais están optimizados para mandos dixitais, mentres que na actualidade as consolas están pensadas para controis analóxicos (e as crucetas dixitais teñen un tamaño e unha colocación pouco cómodas).
O fabricante máis importante de mandos que emulan ás recreativas é a nipona Hori, que vén de presentar o seu HORI Real Arcade Pro EX SE, unha edición especial do seu Real Arcade Pro EX que se distingue esteticamente por contar cunha base de cor branca (en vez de negra) e por estar fabricado con compoñentes de Seimitsu, ou sexa, de máquinas recreativas reais, o que é toda unha garantía de calidade (e indicaría que poden soportar o uso intensivo que normalmente reciben en xogos de loita).
Esta edición especial do mando incrementará o seu prezo de 12.000 a 13.500 iens (114,75 euros), e polo momento non está dispoñible fóra do Xapón, onde xa se vende a versión normal do mando (tamén cunha calidade impresionante).
O mando de Hori mide 412 x 243 x 135 milímetros e pesa 2,6 quilogramos, polo que presenta unha aparencia e comportamento idéntico ao dun mando de máquina recreativa, o que agradecerán os nostálxicos dunha plataforma de xogo practicamente extinguida en Europa e EE.UU. (pese a que no Xapón goza dunha boa saúde).

PUBLICIDADE