Mancomun.org animará ós participantes de XGN a unirse á causa do software libre

martes, 11 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Xa se escoita cada vez máis preto a maquinaria de Xuventude Galiza Net 2008, que dá comezo este venres no Pazo de Congresos de Santiago, e o programa de actividades xa vai pasando dunha conta de correo a outra, e dunha web a outra. O caso é que a plataforma mancomun.org, que vai participar de cheo promovendo o emprego do software libre, está a informar xa de canto ten proxectado facer nesta iniciativa.
O colectivo, que acude con todos os seus efectivos (as asociacións de software libre de Galiza, “Guls”), terá dobre presenza no evento, tanto na Extranet (onde se habilitará un expositor de grandes dimensións que servirá de punto de reunión e de palestra de presentación de proxectos, amais de espazo de demostracións de aplicacións) coma nas salas do Pazo habilitadas para celebrar relatorios.
O programa, a este respecto, inclúe un abano variado de sesións: obradoiros (nos que se convidará ós participantes a construír robots, a actualizar os seus blogs empregando o móbil ou mesmo a aprender a traducir programas de ordenador), mesas redondas (coa colaboración do Gruvi da Universidade de Vigo, sobre reciclaxe de ordenadores e, tamén, en colaboración con Agasol, sobre as vantaxes do software libre) e un gran reto ós participantes de XGN: acadar o 100% da tradución da vindeira interface do OpenOffice.org 3.0 usando a aplicación web http://entrans.mancomun.org. Con este fin, durante os dous primeiros días de party achegaranse no expositor da plataforma demostracións e datos sobre como tomar partido no reto. Sinalar que ó remate da tarefa, sortearanse unha serie de premios. Malia que o programa está suxeito a variacións, a listaxe de actividades que segue é o máis semellante a unha listaxe de actividades definitiva:
· Obradoiros:
· Blogaliza: Venres ás 18:00h impartido por Goretoxo de Blogaliza
· Robótica: Sábado ás 12:00h e 18:00h, domingo ás 13:00. Impartidos por AULUSC
· Tradución: Sábado ás 16:00h. Impartido por Glug e Trasno
· Relatorios:
· Emprego e Software Libre: Sábado ás 12:00h impartido pola Asociación de empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e coa participación de Ultreia, Imaxin Software, Bora Telecom e Inforede.
· Reciclaxe de hardware: Domingo ás 12:00h. Impartido por GALPon e o Gruvi.

PUBLICIDADE