Mañá entran en vigor as novas tarifas europeas de roaming

venres, 29 de abril do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello de Europa acadaron un acordo sobre o uso do móbil en itinerancia dentro do territorio da Unión, coa grande decepción de que adiaron unha vez máis os prazos previstos para o remate do sobrecusto polo roaming, que non cesará até xuño de 2017, pero esta fin de semana entra en vigor o regulamento transitorio cara a este importante cambio, o que supón unha baixada xeral nas tarifas.
O novo contorno de tarifas que bota a andar o 30 de abril limita o recargo por itinerancia en 5 céntimos/minuto nas chamadas que fagamos dende outro país da U.E., en 2 céntimos nas mensaxes de texto e en 5 céntimos por cada megabyte de datos, pero estamos a falar das subas máximas permitidas para os operadores, pero algunhas compañías optaron por adiantar o seu calendario e, por exemplo, Vodafone eliminou o sobrecusto do roaming en EE.UU. e Europa para todas as súas tarifas de contrato (sempre que activemos tal opción).
Cómpre lembrar que a aínda que se anunciou que o 15 de xuño os recargos por roaming non se poderán aplicar na Unión Europea, como se viña reclamando dende hai moitos anos, iso non é rigorosamente certo, senón que temos que matizar que só acontece con usos puntuais, estando previstas medidas para evitar que nun país se empreguen tarifas móbiles doutro país europea, pois iso crearía unha importante distorsión da competencia do mercado da telefonía móbil a nivel europeo.

Anuncio televisivo co que Vodafone dá conta da súa nova tarifa europea de roaming sen recargo

PUBLICIDADE