Mañá ao mediodía inaugúrase no CNTG de Santiago o Congreso Cidades Dixitais

luns, 20 de abril do 2015 Redacción

Finalmente comeza mañá (celebrarase até o mércores) a terceira edición do Congreso Cidades Dixitais que organiza CONETIC en Santiago baixo o epígrafe A tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade. A cita, que servirá para que o noso sector TIC amose solucións innovadoras dirixidas a mellorar a calidade de vida dos espazos urbanos, reunirá a representantes de concellos españois e latinoamericanos, amais dos profesionais da industria tecnolóxica galega e estatal. O congreso inaugúrase ás 12.00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).
O acto de apertura contará coa presenza de Jorge Cebreiros (presidente de CONETIC e da asociación galega Ineo), Belén Do Campo Piñeiro (delegada territorial da Xunta), Víctor Calvo Sotelo (secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información) e Agustín Hernández (alcalde de Santiago).
Como dixemos, no congreso presentaranse os últimos avances en tecnoloxía smart para cidades, rexidos baixo os principios de desenvolvemento sustentábel, innovación tecnolóxica e eficiencia na xestión, destinados a mellorar os servizos que se prestan aos cidadáns. O encontro, organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información (CONETIC), en colaboración coa asociación galega Ineo, contará coa presenza de representantes de administracións españolas e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai.
En canto a cuestións a debater, o congreso abranguerá temas como os seguintes: as solucións accesíbeis nas cidades e nos fogares para persoas con capacidades reducidas; os transportes intelixentes de mercadorías e de persoas; a xestión e reaproveitamento de residuos ou a seguridade e a integridade do dato.

PUBLICIDADE