Máis de 750 liñas de autobús da provincia de Pontevedra contan coa Plataforma Galega de Mobilidade MoBT

martes, 21 de abril do 2026 S. P.

Máis de 750 liñas de autobús da provincia de Pontevedra contan coa Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da AMTEGA, Damián Rey, informaron este martes 21 de abril, en Marín e no Porriño, das vantaxes da dita plataforma 4.0, activa xa en 20 contratos de transporte da provincia de Pontevedra que suman máis de 750 liñas. Segundo sinalaron, a previsión é “que estean cubertos o 100% dos desprazamentos interurbanos de toda a Comunidade a finais de ano”.
A solución, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, permite o pago no autobús a través do teléfono móbil, eliminando así a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro.
O obxectivo, sinalaron Fontenla e Rey, “é facilitar o acceso ao transporte público mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas de pagamento, que permitan mellorar a experiencia do usuario, aumentar a eficiencia do sistema e fomentar o emprego do transporte público como alternativa sostible”. Así, engadiron, “as persoas usuarias dispoñen dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado”.
O saldo do moedeiro virtual pódese coñecer en cada momento e recargarse a través da aplicación móbil MoBT. Esta, dispoñible tanto para os dispositivos Android como para iOS, ten tamén entre as súas funcionalidades a xestión do moedeiro con recarga en liña e un histórico de viaxes. Dispón ademais dun buscador avanzado con todos os servizos de transporte público de Galicia para facilitar a planificación multimodal dos desprazamentos.
No caso de Marín, nunha visita ao IES Chan do Monte, Judit Fontela e Damián Rey indicaron que os catro contratos que cobren o concello contan xa coa plataforma activa, sumando 25 liñas. A continuación desprazáronse ao Porriño, onde informaron que hai cinco contratos que inclúen preto de 80 liñas coa plataforma activa.
Judit Fontela e Damián Rey animaron a poboación destas áreas a descargar a plataforma e facer uso dela para beneficiarse de todas as vantaxes que ofrece. Ademais de nas áreas de Pontevedra, Vigo e O Morrazo, no conxunto de Galicia, a solución pódese utilizar xa na área metropolitana da Coruña, na comarca do Salnés, na Mariña de Lugo e na Terra Chá, así como en desprazamentos de longo percorrido entre Ferrol e Ourense, Ferrol e Vigo , Lugo e Vigo e no directo entre A Coruña e Lugo.