Máis de 70 aulas de informática dos tres campus de Vigo, listas para o comezo das clases

venres, 18 de setembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de facer balance dos seus equipamentos tecnolóxicos ante o inminente inicio do curso, a partir do luns da semana que vén. Trátase por unha banda de comprobar que as infraestruturas TIC estean a punto e, tamén, que comece o curso académico coas mellores garantías de seguridade para toda a comunidade universitaria. Segundo fan saber dende a dirección da Uvigo, a totalidade das súas aulas de informática (máis de 70 nos tres campus: Vigo, Pontevedra e Ourense) estarán preparadas, a partir do luns, para comezar o curso nas máis óptimas condicións.
A Universidade de Vigo engade que “as persoas usuarias poderán empregalas tanto para o estudo como para as prácticas con total seguridade tras adaptalas ás normas e protocolos sanitarios derivados da pandemia da COVID-19”. Segundo explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, “nas aulas con suficiente espazo optouse por separar as mesas garantindo unha distancia mínima de 1,5 metros, pero na maioría decidiuse instalar anteparos transparentes que permiten o uso individualizado dos ordenadores e a optimización dos recursos respectando as medidas hixiénicas”.
En total, son arredor de 70 salas de informática nas que se están a instalar os anteparos e máis de 1500 postos os que contarán con esta protección que estarán a disposición do alumnado a partir deste luns 21, cando arranca oficialmente o curso académico.
Por outra banda, apunta o vicerreitor, tamén se decidiu reducir a capacidade dalgunhas salas “ao 75% do aforo para incrementar a seguridade”. Ademais, “o uso da máscara é obrigatorio en todas as instalacións universitarias en todo momento e, antes de entrar nas aulas, as persoas usuarias deben lavar as mans utilizando auga e xabón ou hidroxel”.
No caso de usar os computadores da aula, “deberase colocar un filme plástico sobre o teclado e o rato e, unha vez rematada a sesión, esta protección de debe retirarse e depositarse nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto”.

PUBLICIDADE