Máis de 5.600 persoas dos concellos de Pontevedra teletraballan cos plans da Deputación

venres, 27 de marzo do 2020 S. P.

A Deputación de Pontevedra achegou información actualizada sobre o desenvolvemento das medidas para garantir a protección do seu persoal durante o estado de alarma e a pandemia de COVID-19, medidas nas que sobresae o impulso ao teletraballo. Segundo fixo saber, máis de 550 traballadoras e traballadores da institución provincial están a desenvolver as tarefas dende os seus domicilios. Nos concellos, a cifra de persoas que desenvolven o seu labor dende o fogar, coa axuda dos plans tecnolóxicos da Deputación, é de 5.600.
Volvendo ao persoal da entidade pontevedresa, o teletraballo das devanditas 550 persoas foi posíbel grazas ao plan de continxencia impulsado polo Servizo de Novas Tecnoloxías da institución desde comezos de marzo, que consistiu no reforzo dos servidores informáticos, na configuración a distancia dos equipamentos informáticos e telecomunicacións e ata na cesión de material.
Polo que respecta aos concellos, parte do seu labor é posíbel grazas á habilitación na nube de servizos como a Administración Electrónica ou o Padrón Municipal de Habitantes. A aposta polas contornas cloud ten a vantaxe de permitir a operatividade aínda que non se conten con servidores locais ou infraestruturas específicas de telecomunicacións, xa que os servizos préstanse de balde a través da nube. “Deste xeito”, explica a Deputación, “as persoas traballadoras dispoñen dun ordenador e de conexión a Internet e executan as súas funcións e tarefas en remoto, desde os seus domicilios, con total seguridade”.
Ademais, a Deputación de Pontevedra fixo saber que en canto a situación se normalice, vai impulsar unha nova iniciativa pioneira dirixida a todas as entidades locais da provincia para facer copias de seguridade na nube.

PUBLICIDADE