Máis de 150 expertos internacionais analizarán en Santiago a breve pero intensa historia das TIC

luns, 17 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O profesor da UVigo, Alberto Pena

Na recta final do verán, os días 26 e 27 de setembro, vaise celebrar en Santiago un congreso mundial sobre comunicación dixital e sobre os principais feitos acontecidos no mundo ao abeiro da revolución tecnolóxica: unha revolución da que aínda nos queda moito por estudar e investigar. Este é o alicerce da edición 16 do Congreso Internacional da Asociación de Historiadores da Comunicación (AHC), organizado por esta asociación e máis as tres universidades galegas. O obxectivo desta convocatoria é avaliar a fondo o territorio cambiante (e transformador) das TIC: como somos e que cousas facemos e dicimos logo da aparición nas nosas vidas dos móbiles e das redes. Prevese a participación de máis de 150 expertos e investigadores de varios países europeos e iberoamericanos.
Trala coordinación da iniciativa atópanse profesores-investigadores como Alberto Pena (UVigo), Xosé López (USC) ou Jaume Gillamet (presidente da AHC). Segundo explican, “escolleuse este tema porque ata agora non hai unha bibliografía que aborde este fenómeno cunha perspectiva histórica, polo que nos pareceu o momento axeitado para facer unha breve historia do que vén acontecendo nos últimos anos, do cambio de paradigma que significaron as novas tecnoloxías para a comunicación dixital”.
En termos concretos, o congreso porá o foco de análise no que Pena define como “unha revolución mediática, económica e social” e nos seus efectos sobre o xornalismo, a industria, as canles de acceso á información, os discursos mediáticos ou mesmo sobre “a nosa forma de percibir e contar a realidade”.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC será a sede deste congreso rotatorio que, neste 2019, a AHC promove xunto as facultades e departamentos de comunicación das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e no que está prevista a presentación das comunicacións de preto dun cento de investigadores e investigadoras. Estas comunicacións faranse nas diferentes mesas temáticas paralelas que completan o programa dun evento que contará con tres sesións plenarias nas que intervirán unha ducia de expertos e profesionais. Concretamente, na xornada do 26 de setembro unha primeira mesa porá o foco na historia dos novos medios no escenario dixital e contará coas intervencións dos investigadores Javier Díaz, da Universitat Pompeu Fabra, Ana Regina Régo, da Universidade Federal do Piauí, e Francisco Rui Cádima, da Universidade Nova de Lisboa.
Nesa mesma xornada, desenvolverase tamén a sesión plenaria Comunicar en clave galega: a evolución histórica dos novos medios en Galicia, coa participación do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e dos investigadores da USC Francisco Campos, Carlos Toural e Alba Silva, mentres que o venres 27 terá lugar unha mesa sobre medios dixitais pioneiros. Esta sesión plenaria contará coas intervencións de Ismael Nafría, autor do libro La reinvención del New York Times, do ex-director de elmundo.es Mario Tascón e do director do diario dixital Vilaweb, Vicent Partal.

PUBLICIDADE