Maica Larriba destaca o traballo da Policía Nacional nos centros de ensino para garantir navegacións seguras

xoves, 23 de marzo do 2023 S. P.

A subdelegada do Gobierno en Pontevedra, Maica Larriba, participou este mércores 22 de xaneiro no CEIP de Marcón (Pontevedra) nunha das accións formativas sobre ciberseguridade que impartiu o Corpo Nacional de Policía no marco do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos. No transcurso do acto co alumnado de sexto de Primaria, Larriba reivindicou o gran labor educativo que desenvolven os axentes para formar a comunidade educativa fronte os riscos que poden entrañar as redes sociais e as novas tecnolóxicas.
“É moi importante impartir formación neste campo desde etapas temperás para que o alumnado teña as ferramentas e os coñecementos necesarios para utilizar os recursos da rede de maneira responsábel e para frear os ciberdelitos”, indicou.
A charla versou, concretamente, sobre ciberacoso e sexting, dúas condutas e accións na Rede que, segundo indicou Larriba, cada vez son máis comúns entre os pequenos e adolescentes debido ao auxe na utilización das novas tecnoloxías.
Os axentes da Policía Nacional explicaron ao alumnado en que consisten estas prácticas, como detectar e previr o ciberbullyng, así como os riscos que entrañan actividades como o sexting. Unha vez finalizada a sesión os estudantes realizaron un pequeno control no que puxeron a proba os seus coñecementos sobre a materia. Xunto cos nenos e nenas tamén realizaron o exame a subdelegada e o comisario xefe de Pontevedra, Juan José Díaz, con resultado de aprobado todos e todas os presentes.
Maica Larriba agradeceu a implicación da Policía Nacional neste traballo así como o do claustro do colexio por desenvolver “un curso que garante saber navegar de maneira segura por Internet, evitando colaborar no ciberacoso aos seus propios amigos e compañeiros”. Ao mesmo tempo, deu os parabéns aos nenos e nenas e animar a “poñer en práctica todo o aprendido e a ser embaixadores, especialmente entre as persoas maiores, do bo uso da Internet e das redes sociais”, expresou.
Durante o primeiro trimestre do curso 2022-2023, 12.898 persoas membros da comunidade educativa (alumnado, corpo docente, pais e nais) da provincia participaron nas actividades formativas e preventivas dirixidas pola Garda Civil e a Policía Nacional, o que supón un incremento do 56,5% con respecto ao pasado curso.


PUBLICIDADE