MB Chronowing, un novo smartwatch con acabados de reloxo ordinario

luns, 3 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A emerxencia dos smartwatches parece inevitable, pero non todas as compañías o están a ver como unha aposta tecnolóxica, senón que apostan máis polos reloxos de pulso como un elemento de moda que simplemente incorpora prestacións para ter funcionalidades que vaian máis aló da súa aparencia estética, e nesa liña Michael Bastian xuntou forzas con Hewlett-Packard e anuncia que o vindeiro venres vai comezar a vender en GILT o MB Chronowing, un smartwatch de aceiro inoxidable de 44 milímetros que conservando a aparencia dun reloxo tradicional achega correo electrónico, calendario e notificacións de texto.
Para manter a súa elegancia e adaptarse a distintos gustos e estilos o MB Chronowing contará con 3 correas intercambiables de pel marrón perforada, de nailon verde oliva e de goma negra, estando tamén dispoñible nunha edición de só 300 unidades en cor negra (en vez do acabado metálico habitual) cunha correa de pel de crocodilo.
Este novo reloxo pode funcionar en combinación con teléfonos de Apple a partir do iPhone 4S e con dispositivos con Android 4.3 ou superior, amosando na súa pantalla os correos electrónicos que vaiamos recibindo, sincronizado o seu calendario co do móbil para non perder ningunha cita, permitindo controlar a reprodución multimedia dende o pulso (de xeito que deixa axustar o volume e saltar entre cancións)... e tamén presume de ser resistente á auga (até 5 atmosferas) e ter unha autonomía de até unha semana (grazas en boa medida a que opta por unha pantalla monocromo).
Pese a estarmos ante un produto que semella de bastante luxo, os seus prezos son bastante comedidos, e o modelo básico venderase a 349 dólares (279,20 euros), mentres que a edición en negro con cristal de zafiro e correa de pel de crocodilo custará 649 dólares (519,19 euros), o que podería disparar a popularidade destes produtos que poderán adquirirse en liña dende todo o mundo.

O MB Chronowing chegará ao mercado en dous modelos


Vídeo de presentación do novo smartwatch

PUBLICIDADE