Luna, a cámara de 360º máis pequena do mundo

venres, 11 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tendo en conta que prevese que 2016 será o ano da realidade virtual, non son poucos os que teñen previsto experimentar coa creación de contidos en tal formato, de aí que cada vez sexan máis os proxectos de cámaras de 360 graos que buscan financiamento en campañas de micromecenado como Luna, un pequeno trebello con forma esférica que presume de ser a cámara de 360 graos máis cativa do mundo (o seu diámetro sería de só 6 centímetros) e que podería mercarse por dende 299 dólares (máis gastos de envío) aínda que habería que agardar a outubro de 2016 para recibir as primeiras unidades.
O obxectivo de financiamento deste produto superouse a grande velocidade, polo que agora o proxecto practicamente estaría nunha situación de compra anticipada, na que os patrocinadores poden seguir sumando achegas para que este proxecto poida ter maior músculo económico para ter así menos problemas á hora de desenvolver esta prometedora tecnoloxía de baixo custo que promete vídeo envolvente fusionando a imaxe de dúas lentes de ollo de pez tras as que hai un sensor de 5 Mpíxeles.
Luna é resistente á auga, conta con xiro-estabilización e poderá empregarse con numerosos complementos de xeito que podería competir con moitas das cámaras deportivas que vemos actualmente no mercado, coa vantaxe de que os contidos producidos poderían verse logo con sistemas de realidade virtual avanzados ou cun sinxelo cartón de Google (os responsables deste proxecto tamén distribúen o seu propio sistema básico de lentes de realidade virtual baseadas no móbil).
Esta cámara de 360 graos tamén conta con Wi-Fi N, facilitando a comunicación con ordenadores persoais e dispositivos móbiles con iOS e Android, para a transferencia dos contidos rexistrados (para o que contará cun almacenamento interno de 32 GB), para poder realizar unha vista previa en tempo real ou incluso para facer retransmisións de vídeo en directo. Só pesará 170 gramos e a súa batería de 900 mAh promete unha autonomía de até 40 minutos, e aínda que o vídeo resultante non vaia ter unha resolución profesional e a velocidade do vídeo (30 cadros por segundo) pode parecer insuficiente para actividades deportivas, estamos ante unha solución o bastante económica como para que moitos se animen a experimentar cunha tecnoloxía revolucionaria que conta inicialmente co apoio de plataformas como Facebook e YouTube, de xeito que o seu éxito dependerá principalmente da imaxinación dos creadores de contidos e da posterior resposta do público.

PUBLICIDADE