Lugo renova e amplía a súa rede Wi-Fi nas instalacións municipais

mércores, 13 de setembro do 2023 S. P.

Dende Lugo o Goberno de Lara Méndez vén de anunciar a ampliación e renovación da rede Wi-Fi das instalacións municipais, co obxectivo de facilitar o acceso gratuíto a internet a toda a veciñanza. Así, son xa 80 puntos de conexión os que conta a cidade luguesa en dependencias públicas cun elevado volume de usuarios como os centros de convivencia; a biblioteca municipal; ou diferentes instalacións deportivas, entre outras.
“O obxectivo desta iniciativa é consolidar unha ampla rede ao longo de toda a cidade para que en cada barrio existan puntos de acceso gratuíto a internet. Esta estrutura municipal elaborada ao longo dos últimos anos permítenos combater a fenda dixital facilitando que cada lucense dispoña de acceso público a Internet nas inmediacións da súa residencia”, sinalou o concelleiro responsábel do servizo, Pablo Permuy.
Con esta proposta, púxose en marcha logo da instalación de novos puntos wifi exteriores en diferentes prazas e espazos públicos da cidade, a través do programa europeo Wifi4EU. “Deste xeito, complétase a renovación iniciada a finais do ano pasado e que levou a rede Wi-Fi a dez espazos públicos: Praza da Milagrosa, Praza Agro do Rolo, Augas Férreas, Praza Maior, Casa da Xuventude, Praza do Castiñeiro, Praza Viana do Castelo, Praza do Campo Castelo, o Centro de Servizos Municipais e praza Horta do Seminario”, engadía Permuy.
“A nosa previsión é seguir ampliando estes puntos de acceso nas diferentes instalacións municipais até chegar ao centenar antes de final de ano. Algo que nos permite expandir esta rede de acceso público ao 100% da zona urbana do municipio e facilitar o acceso a internet aos grupos de poboación que presentan máis dificultades, especialmente as persoas maiores”, explicou o concelleiro.
Indo á conexión, dicir que segundo o establecido no programa WiFi4EU é moi sinxela, pois non precisa ningún tipo de rexistro. No intre de conectarse por primeira vez á rede wifi de balde, o usuario será redirixido a unha páxina segura de comezo de sesión (portal cativo). Poderase iniciar sesión cun só clic. Amais, os usuarios que se desconecten e volvan conectarse dentro dun período de 12 horas, non terán que volver iniciar sesión.
A renovación e ampliación das antenas wifi das instalacións municipais levouse a cabo con cargo aos fondos do programa de axudas a municipios do Ministerio de Política Territorial para a Transformación Dixital e Modernización das Entidades Locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation e supuxo un investimento total de 130.599,36 euros.