Lugo, o primeiro destino europeo onde recalarán as Aulas Newton de Boeing

martes, 15 de outubro do 2019 Redacción

Lugo será o primeiro destino europeo onde se instalen as Aulas Newton Móbiles impulsadas pola Fundación First Escandinavia e Boeing Europa, destinadas á formación do alumnado de secundaria da provincia. Así o deron a coñecer onte estas dúas entidades e máis a Consellería de Economía e o Concello, cuxa alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que a iniciativa “brindará á mocidade boas experiencias de aprendizaxe para incentivar o seu coñecemento cara ás profesións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas”.
Segundo engadiu Méndez, as Aulas Newton son espazos educativos STEM de alta calidade de 70 metros cadrados que se instalarán na Horta do Seminario do 22 de outubro ata o 10 de novembro, pola que pasarán máis de 500 alumnos e alumnas de idades entre os 14 e 16 anos dos colexios da provincia lucense. Pero ademais, os espazos estarán abertos ao público en xeral as fins de semana e os días festivos.
O módulo das aulas que chega a Lugo, chamado Voamos cos números, fará descubrir “dun xeito práctico e ameno” os conceptos matemáticos na planificación e implementación dos voos e participar nos simuladores.
Ademais, as salas de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo acollerán a formación dos profesores, clases que comezaron este luns 14 e polas que pasou Lara Méndez a dar a benvida aos participantes.
A alcaldesa tamén agradeceu a presenza en Lugo de Francisco Conde, conselleiro de Economía, colaborador xunto co Concello da iniciativa, así como a elección de Lugo como primeiro destino do espazo educativo por parte dos impulsores desta iniciativa, a Fundación First Escandinavia e Boeing Europa, representados este luns na rolda de prensa polo docente da fundación Markus Bjerkenes, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe.
Despois da cidade lucense, as aulas viaxarán a Polonia, Países Baixos, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Reino Unido e Suecia.
Por último, Lara Méndez desexoulles aos profesores e alumnos que participen ao máximo das actividade e coñecementos que se transmitirán a través das Aulas Newton, co fin de que aproveiten a oportunidade. “Esperamos que estes saberes e prácticas poidan reverter non só positivamente na súa formación e súas vocacións do alumnado, senón tamén na nosa cidade. O seu talento é, sen dúbida, a nosa chave de futuro”, dixo.

PUBLICIDADE