Lost Odyssey chega a España

xoves, 28 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Este venres chega ás tendas españolas o xogo para Xbox 360 Lost Odyssey, que se venderá por 64,95 euros. Vén en 4 DVD e inclúe subtítulos en español.
Este xogo pertence ó xénero RPG xaponés clásico e é obra de Hinorobu Sakaguchi, creador da popular saga Final Fantasy. Sitúa ó xogador na pel de Kaim, un inmortal que emprende unha épica viaxe para recuperar a súa memoria e descubrir a verdade sobre a morte da súa filla pequena.
Coma noutros títulos deste estilo, o xogo permite elixar ata 4 personaxes que acompañan a Kaim, cos que se emprenden uns áxiles e emocionantes combates cun sistema inédito en xogos de rol por turnos.
Para dinamizar o xogo tamén se incluíron algunhas pasaxes propias de xogos de acción, nas que hai que evitar trampas, esquivar gardas, saltar entre plataformas ou tomar o control de vehículos para explorar escenarios de grandes dimensións.
O xogo xa saíu nos EE.UU. o pasado día 12, e parece estar a trunfar, pois xa hai rumores de que podería converterse nunha saga.

PUBLICIDADE