López Abella salienta a necesidade de referentes femininos no ámbito TIC

martes, 18 de febreiro do 2020 Redacción

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na súa intervención na mesa redonda Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais da actividade Tempo da psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), destacou a necesidade de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para coñecer o traballo das mulleres tecnólogas e pioneiras no eido da programación, así como as que tratan de visibilizar o uso das TIC ou que as empregan de forma habitual nas súas vidas.
López Abella tamén resaltou a importancia de que as novas xeracións teñan referentes na ciencia e na tecnoloxía. Así, a Unidade de Muller e Ciencia fomenta a presenza das mulleres e situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica. Entre outras iniciativas, recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas nestes dous ámbitos en Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer.
A este obxectivo tamén contribúe o proxecto Nin+Nin-, Iguais que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional para pechar a fenda de xénero nestes estudos entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
A secretaria xeral da Igualdade aclarou ademais que os medios dixitais funcionan como ferramentas relevantes para tomar conciencia fronte ás desigualdade entre mulleres e homes pero advertiu de que o seu mal uso podería afondar na difusión de estereotipos discriminatorios e agravar condutas de control, illamento ou abuso. Co obxectivo de fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a Xunta conta con aplicacións móbiles como Escapp para as vítimas ou Agresión OFF contra as agresións sexuais.
Por outra parte, López Abella explicou que o manexo das novas tecnoloxías contribúe ao apoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas do rural. En concreto, o seu uso no eido bancario centra a temática dos talleres para o apoderamento de mulleres do rural sobre comercio e banca electrónica que a Xunta leva a cabo en varios concellos galegos.

PUBLICIDADE