Lollipop será a primeira versión oficial de Android en galego
mércores, 15 de outubro do 2014
- A estatua de Android 5 Lollipop xa pode verse no campus de Google
O pasado mes de xuño durante o
Google I/O presentouse Android L, a futura versión do sistema operativo
móbil de Google que hoxe
ve a luz oficialmente como Android 5.0 Lollipop,
un novo sabor de Android que busca chegar a smartphones, tabletas, televisores
e mesmo automóbiles, e que estre unha nova interface gráfica chamada material design, o que permitirá que o
distingamos rapidamente, aínda que posiblemente o característica que máis
podemos celebrar desta actualización é que incorpora 15 novas linguas entre as
que figuran o éuscaro e o galego, pondo fin a unha longa reivindicación dende a
nosa comunidade, o que permitirá que poidamos gozar dun inmenso número de
smartphones en galego e facilitará que as aplicacións móbiles poidan presentarse
ao usuario na nosa lingua.
Android 5.0 tamén está deseñado pensando nos smartwatches, de xeito que os
reloxos de pulso con tecnoloxía de Google recibirán as notificacións
puntualmente grazas en boa medidas ás novidades coas que conta o novo sistema
operativo.
Entre as melloras de Android 5.0 dende Google destacan que mellorou a xestión
de batería (de xeito que un dispositivo pode mellorar a súa autonomía até 90
minutos con esta actualización), conta con novas medidas de seguridade (como a
posibilidade de crear contas de usuario para convidados ou de permitir que un
dispositivo se bloquee se non está en proximidade doutro, por exemplo, dun
dispositivo poñible que actuaría como
se fose un pecho), as notificacións mudan o seu comportamento (as mensaxes
poden responderse dende a pantalla de bloqueo, pode programarse que a certas
horas só interrompan as notificacións que cheguen de certas persoas
prioritarias...), facilitan o compartir dispositivos (podemos entrar na nosa
conta de usuario dende outro dispositivo e así acceder a mensaxes, fotografías),
axilízanse as opcións de configuración máis empregadas (agora será máis doado
apagar e acender o Wi-Fi, o Bluetooth ou o GPS, controlar o nivel de brillo,
bloquear o xiro da pantalla ou facer uso da función de lanterna do noso móbil),
mellórase a conectividade (poderase mudar entre redes Wi-Fi e móbiles sen cortes,
a busca de dispositivos Bluetooth de baixo consumo será máis eficiente e
contarase con nosos modos de Bluetooth de baixo consumo), a máquina virtual ART
permitirá unha importante mellora de rendemento, soportaranse os procesadores de
64 bits (e incluso aplicacións como Gmail ou Chrome chegarán xa optimizadas
para os 64 bits), a multimedia tamén dá un importante paso adiante (reducindo a
latencia do audio, permitindo mesturar até 8 canles de son, soportando
micrófonos e altofalantes USB, mellorando os gráficos e incorporando moitas características
profesionais á cámara), permitirá que cando teñamos a pantalla apagada podamos
utilizar a orde “Ok Google” para dar instrucións faladas aos nosos dispositivos
con soporte de DSP, soporte para dispositivos de salón (Android TV), recibe melloras
para as persoas con baixa visión e daltonismo, inclúese o soporte de pagamento
mediante contacto, estréase un sistema de configuración rápida (podemos
configurar o noso novo teléfono ou tablet con só tocarse entre si grazas ao
NFC) e contarase con moito máis que se irá vendo durante os vindeiros meses.
Os primeiros dispositivos en recibir Android 5.0 serán o novo smartphone Nexus
6 fabricado por Motorla, o novo tablet Nexus 9 fabricado por HTC e o novo Nexus
Player fabricado por Asus, aínda que o resto da familia Nexus tamén recibirá a
actualización en poucas semanas (así como os dispositivos Google Edition), saíndo xa á palestra fabricantes como Motorola
para asegurar que os seus dispositivos máis populares tamén recibirán a
actualización a Lollipop en breve.
- O Nexus 6, o Nexus 9 e o Nexus Player serán os primeiros dispositivos en contar con Android 5