Lollipop Chainsaw sae á venda esta semana

martes, 12 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Este venres chega ás tendas Lollipop Chainsaw, agardado xogo desenvolvido polo estudo Grasshopper Manufacture contando co carismático Goichi Suda (Suda51) na produción, prometendo moita diversión grazas ao cóctel resultante de mesturar animadoras, zombis, sexualidade e violencia, que pode lembrar ao xénero cinematográfico grindhouse, aínda que na forma dun videoxogo hack and slash (na liña do No More Heroes de Wii) que chegará para Xbox 360 e PlayStation 3.
Lollipop Chainsaw desenvólvese ao redor da figura de Juliet Starling, unha animadora do instituto californiano San Romero (clara homenaxe ás películas de zombis) que leva na súa cintura a cabeza do seu mozo Nick tras decapitalo para evitar que se infectara do virus zombi, e que deberá derrotar a unha gran cantidade de mortos viventes que chegaron ao noso mundo por mor de Swan, un malvado druída gótico que fora compañeiro de clase de Juliet.
Para celebrar a chegada deste título que promete ser tan tópico como divertido temos o seu trailer de lanzamento:

En Lollipop Chainsaw haberá que rematar con numerosos zombis

PUBLICIDADE