Logitech presenta unha cámara para encerados que borra ao presentador

martes, 18 de maio do 2021 Marcus Fernández

O contexto actual está a provocar que a formación e as xuntanzas corporativas teñan que realizarse en moitas ocasións de xeito semipresencial, o que supón todo un reto que superar, e para o que presenta Logitech Scribe, unha cámara para encerados en salas de videoconferencia que emprega a intelixencia artificial para facilitar a transmisión do seu contido a través de servizos como Microsoft Teams ou Zoom.
Esta tecnoloxía é moi superior a situar unha cámara ordinaria filmando o encerado, pois o contido veríase tapado pola persoa que escribe ou debuxa sobre a súa superficie, o que pode resultar moi práctico para os usuarios remotos, e en certos escenarios, tamén para o público presencial (xa que ese contido pode amosarse en pantallas adicionais, de xeito que está sempre visible na súa totalidade).
Esta solución tamén permite activar un efecto de transparencia, de xeito que o presentador amosaríase de xeito translúcido, podendo así sinalar elementos sobre o encerado sen chegar a bloquear a visión do encerado, o que facilita a comprensión do que se está a explicar.
A cámara Logitech Scribe pode instalarse de xeito doado sobre un encerado (cunhas dimensións máximas de 2 x 1,2 metros) e, para poder facer uso da mesma chega con conectala un equipo informático a través de Ethernet (sendo posible realizar a conexión por USB se queremos empregar esta solución con practicamente calquera aplicación de videoconferencia). O prezo oficial deste produto é de 1.299 euros.

Esta solución de Logitech permite captar os contidos dun encerado para poder transmitilo a través de videoconferencia

PUBLICIDADE