Logitech presenta un novo teclado ergonómico
mércores, 15 de xaneiro do 2020
Dende Logitech están a recuperar certa preocupación pola
ergonomía, e ao igual que hai ano e medio sorprenderon co rato
Logitech MX Vertical, agora presenta o teclado
Logitech Ergo K860, que promete unha experiencia de uso máis confortable
grazas á súa curvatura e os seus repousa pulsos, de xeito que durante o tecleo
pódese manter unha postura máis natural.
O que máis sorprende deste teclado é que recupera unha tendencia que parecía
abandonada, a de dividir a parte principal do teclado pola metade, separando
fisicamente as teclas correspondentes a cada man, conseguindo así unha mellor
orientación dos dedos dende unha postura cómoda.
Este teclado pode conectarse por Bluetooth con até 3 dispositivos ou enlazarse
a través dun receptor USB, sendo compatible tanto con macOS como con Windows.
Tamén conta con teclado numérico, e aliméntase mediante un par de baterías AAA
(coas que consegue unha autonomía de até 2 anos).
O prezo deste produto nos EE.UU. será de 129,99 dólares (o prezo europeo aínda
non foi anunciado).
Vídeo promocional do teclado Logitech Ergo K860