Logitech presenta fundas para tablets de Samsung

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que o normal é ver nos catálogos de fabricantes de accesorios a aparición de fundas e teclados externos para o iPad e o iPad mini, dende Logitech non queren esquecer aos tablets de Samsung, e incorporan ao seu catálogo as fundas Logitech Folio Protective Case para Samsumg GALAXY Tab 3 de 7, 8 e 10,1 polgadas a un prezo de 49,99 euros e a funda con teclado Logitech Ultrathin Keyboard Folio para Samsung GALAXY Tab 3 de 10,1 polgadas por 99,99 euros.
As fundas básicas facilitan unha protección ultrafina e ultralixeira aos tablets de Samsung, cubrindo os dispositivos tanto na súa parte traseira como frontal con materiais resistentes e impermeables, e servindo tamén de base axustable para facilitar o uso do tablet para ver contidos audiovisuais ou para escribir en pantalla. A funda tamén inclúe potentes imáns para evitar que se abra accidentalmente durante os nosos desprazamentos e son compatibles cos sistemas de suspensión/reactivación automáticos dos GALAXY Tab 3. O peso das fundas é de 138,5, 183,5 e 296 gramos segundo o modelo.
No caso das fundas con teclado, aparte da protección ante golpes, rabuñaduras e salpicaduras, inclúese un delgado teclado deseñado para maximizar o tamaño das teclas para poder empregarse sen problemas por un usuario afeito a un teclado estándar e incluíndo tamén accesos directos de Android para distintas funcións como copiar e pegar. Entre as grandes vantaxes de contar cun teclado físico en tablets con Android non só está unha maior produtividade, senón tamén o feito de que ao introducir texto evítase ocupar o espazo en pantalla habitualmente reservado ao teclado virtual, conseguindo unha experiencia de uso moi semellante á de traballar nun ordenador portátil. Este accesorio para o Samsung GALAXY Tab 3 10.1 pesa 450 gramos.

PUBLICIDADE