Logitech lanza un novo rato vertical

martes, 19 de abril do 2022 Marcus Fernández

Tras o éxito do rato MX Vertical, Logitech retoma este formato ergonómico co novo novo Logitech Lift, un rato vertical pensado para mans pequenas e medianas, que sae á venda por 81,99 euros en cor grafito, branco ou rosa e tamén en versión para a usar coa man dereita ou coa esquerda.
O Lift Vertical Ergonomic Mouse é un produto que busca que as longas sesións de traballo non provoquen problemas nas mans ao permitir unha posición natural das mesmas durante o uso do rato. Tamén conta cun espazo para repousar o dedo polgar, conseguindo así un uso descansado do rato, sen que sexa preciso levantar nin un dedo nunha sesión de traballo.
Este novo rato vertical conta con roda de desprazamento, permite personalizar os seus 4 botóns a través da aplicación Logi Options+ e incluso pode empregarse con 3 dispositivos alternativamente (sendo posible mover arquivos entre eles grazas á tecnoloxía Logitech Flow).
O Logitech Lift comunícase tanto por Bluetooth como mediante un receptor USB incluído (recomendado para espazos con moitos dispositivos sen fíos) e cunha batería AA pode funcionar até 2 anos.

Vídeo promocional do novo rato vertical de Logitech

PUBLICIDADE