Logitech incorpora ao seu catálogo un trackball que aposta pola comodidade

mércores, 6 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Antes de que os paneis táctiles se impuxesen nos ordenadores portátiles houbo outros sistemas de control alternativos ao rato como pequenos mandos integrados no teclado e bolas de desprazamento ou trackballs, sendo estes últimos un tipo de accesorio que foi perdendo pulo e, aínda que non chegaron a desaparecer do mercado, son descoñecidos para o grande público, de aí que sorprenda a anuncio do Logitech MX ERGO, un novo trackball sen fíos que presume de precisión e comodidade e destaca especialmente por contar cunha base abatible que pode inclinar o dispositivo até 20 graos para que o usuario o asuste do xeito que lle resulte máis confortable.
O novo trackball de Logitech ten un deseño moi semellante ao dun rato informático, pero deixando un espazo para o dedo polgar que será onde se sitúe a bola de desprazamento, e o fabricante sostén que este tipo de accesorio reduce o esforzo muscular un 20% con respecto ao dun rato ordinario, aínda que tamén cómpre advertir que hai escritorios en concreto nos que resulta especialmente prácticos os trackballs e touchpads polo mero feito de ser periféricos que están estáticos na mesa.
O Logitech MX ERGO é compatible con Logitech Easy Switch, de xeito que pode conectarse a dous dispositivos á vez, sendo posible enlazalo con equipos informáticos tanto por USB como mediante Bluetooth. Amais, de empregar o software de Logitech Flow tamén poden controlarse 2 ordenadores á vez podendo incluso aproveitar tal funcionalidade para transferir imaxes e textos entre ambos equipos.
Este novo trebello integra unha batería de 500 mAh que pode aguantar até 4 meses cunha carga completa e o prezo de venda deste trackball é de 115 euros.

O novo trackball pode inclinarse até 20 graos para favorecer o seu uso confortable

Vídeo promocional do Logitech MX ERGO

PUBLICIDADE