Loc8tor: tecnoloxía para atopar o que sempre extraviamos

luns, 9 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Semella que a tecnoloxía (e o mercado) vai dando respostas a todos aqueles e aquelas que até no caso de chuvia a cachón sempre perden os paraugas. Dito doutro xeito e para que se entenda: os despistados e despistadas do mundo constitúen un nicho de mercado tan importante que case non se concibe como non hai máis solucións tecnolóxicas feitas exclusivamente para eles. Con todo, diso trata o Loc8tor lite, de achegar un aparello que sexa un pouco necesariamente repugnante e que che poña sobre aviso do sitio exacto onde se atopa todo o que tiñas que levar contigo e xa non levas: gafas, móbil, paraugas ou chaves.
A tecnoloxía, que emprega o sistema de etiquetado por radiofrecuencia (RFID, que é o que usan tamén nos supermercados para inventariar e localizar os fondos), inclúe unha tarxeta-mando a distancia que é coma un localizador de cousas extraviadas.
Ou sexa, que as cousas que perdes inclúen miúdas etiquetas RFID que intercambian sinais co dito mando. Segundo os fabricantes do produto, este é moi doado de carretar: pódese fixar a calquera cousa que imaxinemos. O seu alcance é de 120 metros no exterior e o equipo na súa totalidade custa 69 euros.
Por certo que El Mundo ofrece estes días un vídeo onde se explica polo miúdo o seu funcionamento.

PUBLICIDADE