LittleBigPlanet é o xogo do ano para a revista EDGE

martes, 16 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A prestixiosa revista de videoxogos británica (tamén editada en España) EDGE anunciou o que segundo os seus redactores son os mellores xogos do ano, destacando especialmente o LittleBigPlanet, que dominou a metade de categorías. Así o xogo exclusivo para PlayStation 3 faríase cos galardóns de Xogo do Ano, Mellor Innovación, Mellor Deseño Visual e Mellor Desenvolvedor (Media Molecule), mentres que o Mellor Deseño Sonoro foi para Dead Space, a Mellor Experiencia En Liña recaeu en Left 4 Dead (ambos, títulos que poderiamos catalogar coma de terror), o Mellor Hardware sería a Xbox 360 e a Mellor Distribuidora tamén sería Microsoft (por comercializar Fable II, Gears of War 2, Ninja Gaiden II, Lost Odyssey e Lips). En definitiva, que procuraron contentar a Sony e Microsoft, aínda que deixando de lado completamente a Nintendo.
Pero estes galardóns contrastan coa listaxe dos mellores xogos da tempada para o Daily Telegrah, que relega o LittleBigPlanet a un terceiro posto, superado por Fable II e Fallout 3, e seguido por apostas tan seguras coma Rock Band 2 ou Gears of War 2. Tamén choca que releguen o Grand Theft Auto IV a un sétimo posto, pois moitos son os que consideran que é o xogo do ano (o que comercialmente é indiscutible).

PUBLICIDADE