LittleBigPlanet chega ás tendas españolas

mércores, 5 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Despois dun polémico retraso na súa comercialización por mor da aparición na banda sonora do xogo de dous versos do Corán, a grande esperanza da PS3, LittleBigPlanet, chegou hoxe ás tendas españolas e a outras partes de Europa a un prezo de venda ao público recomendado de 69,99 euros, sendo tamén posible adquirilo ao comprar unha PS3 nova con disco duro de 80 Gb por 399,90 euros (ou sexa, que incluiría o xogo sen incrementar o seu prezo).
A acollida do xogo será moi boa porque xa acumula milleiros de reservas nas tendas,e a crítica tamén está a tratar moi ben este título que xa chegou hai uns días ás tendas norteamericanas, aínda que presentando certos problemas no funcionamento das súas capacidades en liña que se están a corrixir a través de sucesivos parches (o que levou incluso ao peche temporal dos servidores do xogo, o que molestou a moitos usuarios e críticos, que se indignaron ao ver que despois de tanta demora o xogo continuaba a presentar importantes fallos).
Pese a que LittleBigPlanet é un título desenvolvido por Media Molecule, será exclusivo para a PS3 de Sony e incluso se está a empregar a imaxe do sackboy protagonista coma se fose o embaixador da PlayStation para este Nadal. Sorprende lixeiramente que esta sexa a grande aposta para impulsar as vendas da PS3 porque se trata dun xogo de plataformas moi sinxelo, que destaca por incluír un editor de niveis, polo que o seu éxito depende moito da súa comunidade de usuarios, e podería decepcionar a moitos xogadores, que piden máis dun título para unha consola de alta definición. Temos así un xogo que parece propio da Wii, polo que dá a impresión de que Sony busca captar ao público máis afín a Nintendo a achegarse á súa potente consola de nova xeración.

PUBLICIDADE