Litl Webbok, un sinxelo ultraportátil para o fogar

xoves, 5 de novembro do 2009 Marcus Fernández

Os ordenadores ultraportátiles parecen cortados todos polo mesmo molde, de aí que sorprenda o anuncio do Litl Webbook, un equipo con pantalla abatible de 12,1 polgadas (cun ángulo de visión de 178 graos) que venden nos EE.UU. por uns esaxeradísimos 699 dólares (470,11 euros), e que estaría dirixido a usuarios que habitualmente non manexan ordenadores.
O Litl Webbook non parece ter un hardware excepcional, funcionando cun procesador Atom a 1,6 Ghz, cunha gráfica capaz e traballar con vídeos a 720p e con saída HDMI, 1 Gb de RAM, 2 Gb de SSD, Wi-Fi, toma para auriculares, infravermellos (para un mando a distancia opcional) e USB.

O Litl Webbook estaría dirixido para o seu uso por calquera membro da familia, incluso os menos familiarizados coa tecnoloxía

O distintivo do Webbook sería o seu software, pois opera con Litl OS, o que poderiamos describir coma un S.O. orientado á web, con actualizacións automáticas (evitando a interacción do usuario en tal proceso) e unha interface minimalista, na que iconas, menús e cartafoles non sería percibidos polo usuario, executándose todas as aplicacións a pantalla completa e optimizándose o acceso a fotografías, redes sociais, mensaxería, navegación web e reprodución multimedia, convertendo a experiencia informática nunha práctica máis próxima ao uso dun reprodutor de DVD que dun ordenador.
Haberá que agardar para ver se toda esta simplicidade xustifica o elevado prezo deste equipo.

PUBLICIDADE