Lightning Returns: Final Fantasy XIII estrea versión de demostración

martes, 21 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O personaxe de Lightning poderá personalizarse no xogo

Para o 14 de febreiro está previsto o lanzamento español de Lightning Returns: Final Fantasy XIII, título que hoxe estrea versión de demostración para Xbox 360, que mañá chegará tamén á PlayStation 3, permitindo así que os seareiros da saga Final Fantasy poidan coñecer de primeira man as novidades que incorporará esta última entrega.
A demo de Lightning Returns permitirá adoptar o papel de Lightning na procura do seu vello amigo Snow Villiers na cidade de Yusnaan, para o que haberá que combater a través do caos, permitindo así que botemos unha ollada ás mecánicas de combate, probando os elementos en tempo real incorporados tanto ao campo de batalla como ao sistema de combate. Tamén poderemos probar as opcións de personalización de Lightning.
Os xogadores que derroten ao xefe Zaltys ao final da demo e publiquen a súa puntuación mediante Outerworld (ferramenta que liga o xogo ás nosas redes sociais) desbloquearán a Sigfrido (personaxe de Final Fantasy VI) no xogo completo.

Nesta nova entrega de Final Fantasy adoptaremos o rol de Lightning


Vídeo no que fan un repaso do que ofrecerá o novo Final Fantasy

PUBLICIDADE