Licitado o plan director da Cidade das TIC e do seu Centro de Servizos Avanzados

luns, 28 de setembro do 2020 S. P.

A Cidade das TIC deu este luns 28 un novo paso cara a súa materialización, ou sexa, cara a transformación en centro de emprendemento, innovación e coñecemento da Fábrica de Armas da Coruña. En termos máis concretos, a iniciativa xa conta coas bases da licitación do seu plan director, ao que cómpre engadir as bases do proxecto construtivo do Centro de Servizos Avanzados, que é o primeiro inmóbel co que contará o complexo TIC coruñés. Ademais, xa están marcha a web de seu, www.cidadedastic.gal, que brinda toda a información do proxecto e do seu desenvolvemento.
Todos estes detalles foron dados a coñecer este luns polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Na rolda tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa da cidade, Inés Rey.
Abalde lembrou que o proxecto contempla, ademais do Centro de Servizos Avanzados, un centro de traballo colaborativo e innovador (coworking), outro especializado en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), un complexo deportivo e zona de servizos, o parque empresarial, un edificio de servizos xerais e zonas de estacionamento. Ademais, a xeito de “novidade”, o reitor anunciou a creación dun novo inmóbel que se destinará a investigación e que terá capacidade para albergar até 300 investigadores da UDC para que desenvolvan neste espazo o seu traballo científico.
Abalde engadiu que haberá “un pavillón onde se reúnan as tecnoloxías existentes da extinta Fábrica de Armas para o seu posíbel uso por empresas”.
Presentación de ideas
Segundo se fixo saber no acto, o prazo de presentación de ideas para o Centro de Servizos Avanzados e a rehabilitación da Fábrica de Armas, que sae este luns 28, precisamente, estará aberto ata o día 2 de novembro. Un xurado presidido polo reitor (a UDC é accionista maioritaria xunto co Clúster TIC) premiará os tres mellores proxectos. Entre as condicións esixidas nos pregos do concurso establécense cuestións relativas á sustentabilidade e á eficiencia enerxética. A previsión é que, resolto o concurso, as obras comecen en xaneiro de 2021 de forma que no ano 2022 entre en funcionamento o Centro de Servizos Avanzados e, ao ano seguinte, outros edificios do complexo.
Portas abertas
A UDC organizará xornadas de portas abertas os días 5 e 14 de outubro para que os participantes do concurso poidan coñecer as instalacións. Tamén se organizarán, aínda sen data, xeiras abertas de información para que a cidadanía da Coruña visite as instalacións da antiga Fábrica de Armas.
O reitor lembrou na súa comparecencia que “este é un proxecto conxunto de varias administracións: Universidade, Xunta de Galicia, especificamente o IGAPE; Concello, Deputación e Ministerio de Defensa e esperamos que se sumen outras institucións estatais e europeas”.
Antonio Rodríguez del Corral salientou a relevancia da licitación porque permite calcular as datas para a instalación das empresas: “Desde hoxe imos iniciar unha campaña de captación de firmas interesadas en instalarse na Cidade das TIC”, explicou, engadindo que o espazo do Centro de Servizos Avanzados distribuirase nun centro de demostración, con aproximadamente 1.500 metros cadrados; un laboratorio de innovación, co mesmo espazo; e o resto, sobre 1.000 metros cadrados, destinarase a acoller empresas”.
Gonzalo Trenor subliñou “o total apoio da Xunta ao proxecto da Cidade das TIC desde o seu inicio”, financiado con 4,8 millóns de euros polo IGAPE, e destacou “a gran oportunidade que supón este proxecto para Galicia e para A Coruña”. Lembrou ademais que A Coruña “é o motor económico de Galicia, con máis do 50% da súa actividade económica na Coruña e na súa contorna”. Polo tanto, dixo, “o proxecto da Cidade das TIC será clave para a transformación dixital das pemes galegas e a súa localización na Coruña o espazo máis acaído”.
Finalmente, a alcaldesa da Coruña destacou “a idoneidade deste proxecto como un exemplo de colaboración público-privada”. E engadiu: “É un proxecto innovador e de futuro, referente en toda Galicia, unha aposta pola economía 4.0 e pola creación de emprego”, manifestou, adiantando a colaboración municipal para a urbanización interna dos accesos.
2.500 traballadores e interese internacional
A Cidade das TIC terá unha capacidade para acoller un total de 2.500 traballadores na súa parte empresarial; a previsión é que 500 sexan postos de traballo novos nesta parte empresarial, e, na parte universitaria, poderán crearse 50 novos postos para investigadores, nun prazo a cinco anos. Segundo desvelou o presidente do Clúster TIC, son moitas as consultas de firmas tecnolóxicas de ámbito europeo interesadas en instalarse, ao que cómpre engadir a vontade dun bo número de multinacionais de ter aquí traballadores.

PUBLICIDADE