Liberadas dúas ferramentas para contribuír á tradución de software ao galego

luns, 13 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago vén de liberar dous complementos para o aplicativo Fantasdic que posibilitan o acceso directo aos servizos en liña do Corpus de Mancomún e de Open-Tran.eu. Entre outras cousas, isto vainos permitir, logo dunha consulta previa, obter as traducións dos programas libres de uso máis estendido, como por exemplo a suite ofimática OpenOffice ou o navegador Firefox. Segundo informa o Centro Mancomún, estes complementos presentan especiais vantaxes para internautas que, ademais de andar pola Rede, tamén desenvolvan labores de tradución, ensinanza, programación ou investigación en xeral.
Máis polo miúdo, os recursos liberados pola USC constitúen unha porta concreta na que petar sempre que se desexe consultar o miolo dos devanditos programas e aplicativos.
Para Mancomún, a gran aposta dos complementos residen en que son software libre galego ao servizo do software libre galego: ferramenta de ferramentas. Dito doutro xeito: os recursos axudarán na optimización da calidade das traducións levadas a cabo, así como a incrementar “a consistencia léxica do software de fontes abertas”.

PUBLICIDADE