Les Corts Valencianes estrean portal desenvolvido por Balidea
martes, 19 de febreiro do 2019
Entre
as novidades tecnolóxicas máis relevantes da tempada en materia de
administracións e servizos electrónicos figura o lanzamento recente
do novo portal de Les
Corts Valencianes, un portal que ten o obxectivo de achegar
respostas concretas ás demandas de información e servizos da
cidadanía, ao tempo que pon en xogo elementos activos de
transparencia e participación. O
portal foi desenvolvido pola empresa galega Balidea a partir do
sistema de xestión de contidos Drupal 8.
Segundo
informa a firma con sede en Compostela, traballouse sobre “unha
arquitectura de alta dispoñibilidade”, coidando que ficase
garantida a mellor experiencia do usuario, a adaptación ás novas
tendencias web e a unha tecnoloxía máis versátil e dinámica.
O
proxecto, un proxecto multisite (unha alternativa que nos
permite ter múltiples sitios diferentes nunha mesma base de datos),
artellouse en catro partes: o portal xenérico do parlamento
valenciano, o portal de transparencia, o portal de participación
cidadá e a intranet de uso interno para todo o persoal de Les Corts.
Entre
os servizos máis destacados que pon en xogo para a cidadanía
figuran os seguintes: a posibilidade de acceder ás últimas novas da
devandita institución ou a opción de coñecer toda a súa
actividade parlamentaria con acceso directo a plenos en tempo real. A
comunidade de usuarios tamén ten ao seu dispor documentación de
múltiples áreas (orzamentaria, lexislativa, parlamentaria etc) e
máis un sistema de consulta do histórico de lexislaturas con
información relevante de cada unha delas.
O
portal preséntase en dobre versión idiomática, en valenciano e
castelán, está integrado coas redes sociais do parlamento (Twitter,
Facebook, Flickr e Youtube) e permite a opinión a través dun
sistema de comentarios. Segundo engade Balidea, “foi concibido de
maneira que se poida utilizar de forma cómoda en todos os
dispositivos, polo tanto dispón dun deseño adaptativo a
smartphones, tabletas e diferentes resolucións de pantalla”.