Lenovo presenta novos ordenadores para xogar e gozar da realidade virtual

luns, 21 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Lenovo aproveito a celebración da Gamescom para anunciar novos ordenadores de sobremesa da serie Lenovo Legion dirixidos ao seu uso con videoxogos e con cascos de realidade virtual, ofrecendo unha boa gama de configuracións en función de esixencias e prezo (parten de 749 euros).
O equipo máis esixente sería o Lenovo Legion Y920, un ordenador para xogadores moi intensivos, que vén equipado cun procesador Intel Core i7-7700K de sétima xeración, até unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 con 8 GB de memoira e con opcións de incorporar 32 GB de memoria DDR4 overclockeable e sistema de refrixeración líquida de Asetek (para minimizar o ruído do equipo). Este equipo chegará en setembro a un prezo de partida de 2.299 euros, mentres que a versión con refrixeración líquida non verá a luz até outubro a un prezo que parte dos 2.399 euros.
O Lenovo Legion Y720 sería capaz e mover os xogos actuais con total soltura mantendo un prezo moito máis contido que o do seu irmán maior, xa que partirá de 1.299 euros cando chegue ás tendas en setembro. Aínda que na nota de prensa difundida por Lenovo e Microsoft dan conta de que estamos ante un equipo con procesador Intel Core i7-7700 e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1070 con 8 GB de RAM, a ficha do equipo indica que realmente estariamos ante un ordenador cun procesador AMD Ryzen 5/7 e unha gráfica AMD Radeon RX 570 con 4 GB de memoria, o que confirmaría o feito de que unha das fotografías distribuídas co equipo aberto amosa sen dúbidas que estamos ante unha torre cunha gráfica Radeon.
É especialmente rechamante o feito de que o Lenovo Legion Y520 poida chegar ao mercado este mesmo mes a un prezo de saída de 749 euros, xa que estamos ante un equipo capaz de mover contornos de realidade virtual (algo para o que normalmente precisabamos de ordenadores que superaban os mil euros de prezo). Este novo equipo pode incorporar até procesadores Intel Core i7-7700 e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060, o que é dabondo para a meirande parte dos xogadores de PC, que agradecerán o feito de que a torre deste equipo poida abrirse sen ferramentas, facilitando así a substitución da súa unidade óptica, do seu almacenamento interno ou da súa memoria RAM.

PUBLICIDADE