Lenovo prepara unha consola portátil con Windows 11
xoves, 17 de agosto do 2023
Tras o
éxito da Steam Deck están a ser moitos os fabricantes que ousan entrar no
mercado dos ordenadores persoais con forma de consola de videoxogos portátil
(mercado normalmente copado por fabricantes chineses pouco recoñecidos), e dende Windows
Report desvelan en primicia o que será a achega de Lenovo a este tipo de
dispositivos, a consola portátil Legion Go.
As semellanzas desta Lenovo Legion Go cunha Nintendo Switch son innegables,
aínda que nesta ocasión os mandos extraíbles que temos ao lados da pantalla non
apostan por un deseño plano, senón que optan por ter unha boa ergonomía, polo
que o volume que ocupa esta consola é maior que o da Switch (tamén a súa
pantalla é maior, cunha diagonal de 8 polgadas).
Ao estarmos ante un dispositivo que funcionará con Windows 11, as súas
posibilidades son moi elevadas, xa que podería correr en mobilidade un catálogo
de xogos impresionante, sendo capaz incluso de mover títulos bastante esixentes
grazas ao seu procesador AMD Phoenix.
A Lenovo Legion Go conta con 2 portos USB-C, toma para auriculares, lector de
tarxetas microSD e incluso unha peaña para facilitar a súa colocación sobre a
mesa para empregala cos mandos extraídos (tanto en xogos como para consumir
contidos multimedia, pois non podemos esquecer que a súa parte central non
deixa de ser unha tableta con Windows).
Haberá agora que agardar a que este produto sexa unha realidade para poder
comprobar cal é o seu rendemento e, moi especialmente, para coñecer o seu
prezo, xa que é un factor realmente crucial para este tipo de consolas que
buscan principalmente satisfacer aos xogadores que non queren limitarse ao
catálogo que ofrece unha única compañía, ou que simplemente busca gozar dos
xogos de PC lonxe do escritorio.
- As semellanzas da Lenovo Legion Go coa Nintendo Switch son innegables