Lenovo lanza un novo smartphone 4G cun prezo moi axustado

venres, 5 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Cada vez hai máis xente que se anima a adquirir a mercar smartphones chineses, en boa medida pola relación calidade-prezo de varios terminais de fabricantes como Xiaomi, Meizu ou Huawei, e agora a propia Lenovo tamén parece querer entrar nesa guerra co novo Lenovo K3 Music Lemon, un terminal bastante completo que está á venda en China por só 599 iuans (79,27 euros).
Pero o prezo reducido non fai que esteamos ante un terminal de gama baixa, senón que ten unhas especificacións propias da gama media: pantalla de alta definición de 5 polgadas, conectividade LTE, procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, son Waves MaxxAudio, batería de 2.300 mAh, un grosor de 7,9 milímetros e un peso de 128 gramos. Un dispositivo realmente interesante sorprende por achegar unhas características do Moto G (probablemente o terminal deste fabricante máis popular, que está á venda por uns 179 euros) a un prezo máis próximo ao do Moto E (que pode atoparse entre 89 e 119 euros).

PUBLICIDADE