Lenovo integra auriculares sen fíos nun dos seus novos portátiles

martes, 29 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Entre os novos equipos portátiles presentados por Lenovo chamou poderosamente a atención o ThinkBook 15 Gen 2 i por unha característica moi orixinal, xa que este ordenador inclúe auriculares sen fíos que poden gardarse nun compartimento dentro do propio equipo, e no que se cargan automaticamente, de xeito que chega con sacalos de aí para que se conecten ao portátil. Estes auriculares buscan atender á demanda crecente de xuntanzas en liña, para as que o uso de auriculares sen fíos resulta moi práctico, especialmente se temos en conta que teñen dobre micrófono para cancelar o ruído ambiental das conversas.
Estes equipos tamén contan con dobre almacenamento, de xeito que o usuario pode elixir se combinar disco duro con SSD ou optar por dobre SSD. Tamén conta cun modo de funcionamento en espera que permite que o equipo estea sempre dispoñible para o uso, chegando incluso a descargar os correos electrónicos coa equipo pechado, procurando así unha mellor experiencia de uso e unha maior produtividade.

PUBLICIDADE