Lenovo amosa algúns dos seus últimos desenvolvementos

xoves, 20 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Dende a edición chinesa de Engadget están a dar conta de interesantes desenvolvementos amosados no cumio Lenovo Tech World, como un prometedor casco de realidade aumentada, o daystAR, que non precisa conectarse a un PC ou a un smartphone, e que integra unha unidade de procesamento de visión cun campo de visión de 40 graos, servindo así como adianto do que ofrecerá esta tecnoloxía nos vindeiros meses. Lenovo confía en que os desenvolvedores creen aplicacións para esta solución de realidade aumentada, o que permitiría desatar o seu potencial.
Outro produto moi interesante no que está a traballar Lenovo sería o SmartCast+, un altofalante conectado que fuxiría de competir con produtos como o Amazon Echo a través da innovación, xa que neste caso o produto non se limitaría a ser un asistente virtual, senón que integraría un proxector de vídeo de tiro curto, tecnoloxía de recoñecemento de obxectos e ofrecer así experiencias de realidade aumenta que poderían ser toda unha revolución.
Aínda que os desenvolvementos que máis se afastan da electrónica de consumo tradicionais poderían ser os que desen froitos máis prometedores, como o SmartVest, unha solución de camisetas con sensores de electrocardiograma que poderán monitorizar o ritmo cardíaco as 24 horas, o que podería ser de grande utilidade para os sectores do deporte e a saúde.
Todos estes traballos de Lenovo son polo momento prototipos, polo que non hai ningunha garantía de que cheguen ao mercado, cando menos na súa forma actual, pero presentándoos publicamente Lenovo pode comprobar o interese do público e de potenciais partners de cara a manter estas liñas de desenvolvemento.

PUBLICIDADE