Lenovo actualiza o seu equipo portátil máis versátil

xoves, 9 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Lenovo leva un tempo apostando pola innovación nos formatos dos seus equipos portátiles, para adaptarse ás distintas esixencias dos consumidores, e nesta liña presentaron hoxe o seu impresionante Lenovo YOGA 3 Pro, un ordenador convertible e ultra delgado cunha pantalla táctil de 13,3 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.800 píxeles que será a envexa da meirande parte dos portátiles do mercado.
Este equipo que pode colocarse en distintas posicións para funcionar como se fose un ordenador portátil, un todo-en-un táctil ou un tablet pesa só 1,19 quilogramos e ten un grosor de 12,88 milímetros, o que supón unha redución con respecto ao seu modelo predecesor dun 17% en grosor e dun 14% en peso, deixando claro como Lenovo toma en serio o deseño deste tipo de produtos cada vez máis portátiles e potentes.
O Lenovo YOGA 3 Pro ten un procesador Intel Core M-70, até 8 Gb de RAM, até 512 Gb de SSD, altofalantes JBL, 2 portos USB 3.0, 1 porto USB 2.0, lector de tarxetas de memoria, saída micro-HDMI, Bluetooth 4.01, Wi-Fi AC, cámara web de alta definición (720p) e unha batería que achega unha autonomía de até 9 horas, de xeito que estamos ante un produto tan móbil como versátil, que se adaptará á meirande parte de usos e consumidores. Chegará ao mercado en 3 cores agradables (laranxa clementina, prata platino e champaña ouro), sendo o seu detalle menos agradable o prezo, xa que partirá de 1.349 dólares (1.063 euros) cando chegue ás tendas norteamericanas a finais de mes.


Vídeo promocional do Lenovo YOGA 3

PUBLICIDADE