LeTV presenta os primeiros smartphones con USB-C

mércores, 15 de abril do 2015 Marcus Fernández

O fabricante chinés LeTV presentou tres novos smartphones baseados en Android 5.0 que conseguen colocarse á cabeza da innovación e das prestacións do seu sector xa que, aparte de estar dotados dunhas especificacións e auténtico luxo, serían os primeiros smartphones que veríamos no mercado con conectores reversibles USB-C.
O terminal máis potente sería o Le Max, que constaría cunha impresionante pantalla de 6,3 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos, uns xenerosos 4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, cámara traseira cun sensor Sony de 21 Mpíxeles, apertura f/2.0 e estabilizador óptico de imaxe, cámara frontal de 4 Mpíxeles con grande angular e apertura f/2.0, son de alta definición, lector de pegadas dixitais, conectividade 4G, batería de 3.500 mAh e un grosor de 8,95 milímetros. Todo un buque insignia que poderá medirse cos principais teléfonos de grandes fabricantes.
Máis modesto sería o Le 1 Pro, que cun tamaño de pantalla máis moderado (5,5 polgadas) mantén a resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, o procesador Qualcomm 810 e os 4 GB de RAM, pero reduciría lixeiramente outras características como a cámara traseira (que limitaríase a 13 Mpíxeles), o almacenamento interno (32/64 GB) e a batería (de 3.000 mAh). Tería un grosor de 9,4 milímetros e o seu prezo sería de 2.499 iuans (377 euros).
Para os que busquen un terminal máis asumible, o Le 1 sería a versión económica do anterior, que reduciría a súa pantalla a unha resolución Full HD, mudaría o seu procesador por un MediaTek Helio X10 de núcleos, tería 3 GB de RAM e 16/32/64 GB de almacenamento interno e un grosor de 9,5 milímetros, o que permitiría que o seu prezo puidese reducirse até só 1.499 iuans (226 euros), o que é un prezo moi axustado para un smartphone que dista pouco dos terminais de alta gama de outras compañías.
Aínda que inicialmente só se distribuirán en China, aseguran que estes smartphones van venderse incluso nos EE.UU., polo que non sería sorprendente que en poucos meses os vexamos en Europa.

O Le Max conta cunha cámara de 21 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe

PUBLICIDADE