Lanzadas 50 bolsas DigiTalent para facilitar a a confluencia entre os sectores TIC e non TIC

luns, 14 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías non se fan soas, son precisas/os profesionais que lle acheguen contidos, que velen polo seu bo desenvolvemento e que as fagan conectar con todas as vertentes da nosa vida diaria. En definitiva, na época dos grandes continentes e acubillos dixitais, son necesarias responsábeis do contido. Por exemplo os especialistas en humanidades, ciencias da saúde e ciencias sociais e xurídicas, dende filósofos ata avogados. Neste contexto, a Xunta pon en marcha as Bolsas DigiTalent con 50 prazas para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre o sectores TIC e non TIC.
Esta actuación, informa o Goberno galego, artéllase a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
Segundo puidemos saber, a comunicación co sector tecnoloxías (con vistas a facilitar a adhesión á iniciativa das nosas empresas) iniciouse este mes de outubro, ao que lle seguirá unha fase de selección de empresas na que as entidades poderán expresar as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros respondendo así ás súas necesidades.
A través desta actuación contribuirase a “que as empresas tecnolóxicas poidan acceder a unha canteira de talento que contribúa a cubrir vacantes de postos caracterizados pola confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento”, informan Educación e AMTEGA, engadindo que a previsión é que no mes de xaneiro (logo da selección das empresas) abra a convocatoria para que aqueles alumnos e alumnas que cumpran cos requisitos de acceso poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.
Serán un total de 50 bolsas destinadas a estudantes de últimos cursos das áreas de coñecemento seguintes Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura.
As bolseiras e bolseiros DigiTalent recibirán formación teórico-práctica por un período de tres meses en empresas do sector tecnolóxico que estean a desenvolver proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como a análise da información a gran escala (Big Data), as tecnoloxías móbiles, o deseño de servizos e aplicacións na nube, a ciberseguridade, a Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), a cadea de bloques (Blockchain), a Realidade Aumentada, a Intelixencia Artificial, a economía colaborativa ou os trebellos tecnolóxicos carrexábeis (os wearables). As prácticas non laborais terán una duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

PUBLICIDADE