Lanzada app para optimizar e impulsar a compostaxe doméstica en Compostela

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días estase a presentar a aplicación móbil do proxecto piloto de compostela doméstica de Compostela, posto en marcha polo Concello coa colaboración da asociación ecoloxista ADEGA. A ferramenta, creada ao abeiro da segunda fase do programa piloto, diríxese a axilizar a recollida de datos e a súa xestión, permitindo a xeolocalización dos composteiros, a evolución do proceso, relacionar imaxes con datos e compilar os resultados dunha enquisa final. En definitiva, trátase de saber como afecta a nova xestión do lixo orgánico no fogar e os problemas e solucións que puideran ter acontecido durante a duración do programa.
A aplicación matriz baséase no software gratuíto CyberTracker, orixinalmente creado para o rastreo de fauna e flora en grandes áreas protexidas do planeta e para determinar, clasificar, fotografar e xeolocalizar as especies a través dunha interface de doado manexo. No caso de Santiago, CyberTracker foi modificada e adaptada expresamente por Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente S.L. para a rutina de seguimento dos composteiros, financiada pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela.
Segundo informa ADEGA, a nova app permitiranos rexistrar “dun modo máis eficaz e eficiente” a información que proceda do programa de compostaxe caseira que se está a desenvolver na área periurbana compostelá, onde están inscritas 131 vivendas. A nova ferramenta poñerase en práctica a finais de deste mes de maio nas parroquias de Villestro, Laraño, Figueiras, San Caetano e Sabugueira, onde xa hai 27 composteiros xa repartidos.

PUBLICIDADE