Lalín fomentará a empregabilidade dos mozos con formación en TIC

martes, 10 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lalín quere fomentar a empregabilidade e mellor o currículo de 75 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos. E vaino facer a través do programa Mocidade Activa (cuxas novas accións xa teñen aberto o prazo de inscrición en liña) e a través dos novos obradoiros incluídos no programa, unha parte significativa dos mesmos vencellados directamente coas tecnoloxías da información. A iniciativa, que inclúe prácticas profesionais en empresas, é unha realidade grazas á subvención concedida ao Concello de Lalín polo Fondo Social Europeo por importe de 424.724,77 euros.
O programa comprende os itinerarios de soldadura, atención socio sanitaria a persoas dependentes, servizos de restaurante, desenvolvemento de aplicacións web e xestión de mercadotecnia e comunicación. Na súa presentación, o concelleiro de Emprego e Comercio, José Manuel Fernández, resaltou o interese especial que acada o programa Mocidade Activa “xa que vai dirixido a mozos e mozas que son un dos colectivos sociais que máis están sufrindo o paro”.
O programa, sinalou o edil, abrangue cinco itinerarios integrados e personalizados para impulsar as capacidades técnicas e persoais das e dos participantes, facilitando “o seu futuro acceso a un emprego estábel e de calidade”. Estes bloques son: soldadura con electrodo e TIG, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, servizos de restaurante, desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e xestión de mercadotecnia (márketing) e comunicación.
Poderá participar a mocidade de entre 16 e 29 anos residente en no municipio, desocupada e non integrada no sistema de educación e formación, aínda que si que deberá figurar no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. No total de prazas, un 60% é de preferencia para mulleres.
Cada itinerario está composto por formación profesional ocupacional e específica, formación complementaria, orientación e acompañamento laboral. Así mesmo, cada un deles acubilla diferentes requisitos de estudos mínimos, de modo que para os itinerarios 1, 2 e 3, é preciso estar en posesión do título de ESO ou equivalente e para os 4 e 5 do título de bacharelato ou equivalente.
Todas as persoas participantes, ademais da parte formativa e personalizada mediante a que obterán a cualificación necesaria para ocupar un posto de traballo, mellorarán as súas capacidades coa realización dun período de prácticas profesionais non laborais en empresas locais relacionadas coa formación adquirida. Serán en total 2.750 horas de formación específica, 410 de formación transversal, 360 de prácticas e 1.125 de titorías. E, ademais, como lembrou Fernández, “o desenvolvemento e a xestión do programa suporá a creación de varios postos de traballo directos”.

PUBLICIDADE