LaCie presenta unha torre de discos duros cunha capacidade de 96 TB

luns, 18 de abril do 2016 Marcus Fernández

O fabricante de sistemas de almacenamento LaCie acudiu ao NAB Show para presentar a súa nova unidade de almacenamento RAID de escritorio, pensada precisamente para a produción de vídeo, xa que combina un alto rendemento cunha capacidade impresionante, que consegue agrupando 12 unidades de disco, de xeito que permitiría almacenar até 96 TB de datos, capacidade que parece esaxerada para calquera editor de vídeo en alta definición, pero que está pensada para poder traballar con contidos en 4/5/6K.
A LaCie 12big Thunderbolt 3 consegue velocidades de até 2.600 MB/seg. (o que permitiría precisamente editar vídeo en 6K), contaría con 2 portos Thunderbolt 3 para poder conectar varios dispositivos USB-C en cadea (por exemplo, para conectar en serie dúas pantallas 4K que empreguen este tipo de conexión), o seu deseño industrial sería fiable para profesionais, pode configurarse en RAID 5/6 e incluso permitiría a conexión de até 6 dispositivos deste tipo en serie por medio dun único cable (de xeito que un ordenador podería gozar de 576 TB de almacenamento a través dun único cable).
Esta unidade RAID porase á venda no verán en capacidades de 48, 72 e 96 TB, descoñecéndose polo momento os prezos que terán estas configuracións.

Ao poder agrupar 12 discos de alto rendemento nunha única torre conséguese unha solución de almacenamento ideal para o traballo con vídeo en ultra alta definición