LaCie presenta un disco duro externo con USB-C

martes, 10 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Que a aposta do novo MacBook polos portos USB-C vai ser un atranco inicial é algo sobre o que non hai dúbidas, pero dá a impresión de que estamos ante un problema que desaparecerá a medio prazo, pois o novo formato USB ten moitas bazas para imporse dadas as súas vantaxes, e como exemplo temos que LaCie xa incorpora ao seu catálogo o disco duro externo Porsche Design Mobile Drive, unha unidade integrada nunha carcasa de aluminio sólido que destaca especialmente por contar cun dos novos portos USB-C.
Este novo disco duro casa moi ben esteticamente cos portátiles de Apple e ofrécese en tres capacidades distintas (500 GB, 1 TB e 2 TB), destacando o feito de que o de 500 GB é máis compacto (mide 128 x 79 x 11 milímetros e pesa 182 gramos) que os modelos de 1 e 2 TB (que miden 130 x 77 x 15 milímetros e pesan 240 gramos).
Estamos ante un disco que promete transferencias de até 100 MB/segundo, que é compatible con USB 2.0 e USB 3.0 (aparte do pertinente cable USB-C tamén inclúe un cable adaptador para USB-A), o seu deseño é moi elegante, a carcasa de aluminio ten un grosor de 3 milímetros que achega unha grande protección e é compatible coa función de copias de seguridade Time Machine de Apple. Tamén inclúe software para a realización de copias de seguridade automáticas (tanto para Windows como para OS X), para protexer a información almacenada con contrasinal e para aforrar enerxía (entrando en modo económico cando a unidade non está en uso, que no caso do modelo de 500 GB traduciríase no paso dun consumo en uso de 1,17 watts a só 0,06 watts).
Polo momento non se publican os prezos destas novas unidades que sairán á venda durante o vindeiro trimestre.

O novo disco duro de LaCie está deseñado para casar cos portátiles de Apple

PUBLICIDADE