LaCie facilita compartir en rede os nosos ficheiros con CloudBox

martes, 6 de novembro do 2012 Marcus Fernández

CUnha solución sinxela de almacenamento en rede para o fogar LaCie incorpora ao seu catálogo de produtos CloudBox, un NAS que funciona con só conectalo á nosa rede doméstica a través dun cable e que permite compartir os arquivos almacenados no seu disco duro interno (en capacidades de entre 1 e 3 Tbytes) tanto a dispositivos na nosa rede local como a través da Internet, o que resulta especialmente atractivo para gardar arquivos multimedia.
O LaCie CloudBox ten conectividade Gigabit Ethernet, pode xestionar ata 10 usuarios con contrasinais e cartafoles privados, é compatible con sistemas de copias de seguridade (tanto para Windows como para OS X), pode servir contidos multimedia a equipos con iTunes o Windows Media, permite acceder aos seus contidos dende móbiles e tablets, transmite os seus contidos multimedia a móbiles, tablets, consolas de videoxogos (Xbox 360 e PlayStation 3), ordenadores e mesmo televisores conectados e incluso soporta o protocolo BitTorrent.
O prezo de venda deste sistema de almacenamento en rede é de 159,90 euros para o seu modelo con 1 Tb de capacidade, mentres que os modelos de 2 e 3 Tb custan 179,90 e 219,90 euros respectivamente.

O LaCie CloudBox está dispoñible en capacidades de 1, 2 e 3 Tb


Vídeo promocional do LaCie CloudBox

PUBLICIDADE