LG renova o seu smartphone con stylus

martes, 16 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Un dos smartphones que LG vai achegar a Barcelona a semana que vén será o LG Stylus 2, unha revisión do LG G4 Stylus que presenta unha pantalla de 5,7 polgadas e un lapis dixitalizador que facilita a toma de notas e a realización de debuxos. O software do terminal adaptouse para que, cando se extraia o lapis da súa rañura aparezan atallos a aplicacións para tomar notas, á vez que tamén presentará unha mensaxe en pantalla alertando cando o teléfono está en movemento e a rañura do lapis está baleira (evitando así que se extravíe o accesorio).
Este novo smartphone reduciu o seu grosor fronte ao seu predecesor até os 7,4 milímetros, e contén o seu peso en 145 gramos (bastante lixeiro se temos en conta as súas dimensións). Presenta un marco metálico, pode ampliarse a súa capacidade interna mediante tarxetas microSD e a súa batería é dunha capacidade máis que aceptable (3.000 mAh).
O LG Stylus 2 non é un dispositivo de elevadas prestacións, limitando o seu procesador a un catro núcleos a 1,2 GHz, 1,5 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno e unha pantalla cunha resolución de só 1.280 x 720 píxeles, de xeito que enténdese que estamos principalmente ante un dispositivo que busca vender polo seu elegante acabado e por contar con stylus. Venderase en cor titán, branca e marón.

PUBLICIDADE