LG quere competir co MacBook Air

luns, 8 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles MacBook Air crearon unha tendencia de deseño difícil para seguir para os competidores de Apple, coma demostrou o fracasado Dell Adamo (que vén de ser retirado do catálogo do seu fabricante tras medio ano á venda), pero dende LG non queren deixar pasar a oportunidade dun deseño elegante e rechamante e anuncian o lanzamento do LG X300, un portátil ultradelgado (con só 17,5 milímetros de grosor e 970 gramos de peso) que puido verse na pasada edición do CES de Las Vegas, e que finalmente chega ao mercado asiático este mesmo mes (para despois pasar a distribuírse polo resto do mundo).
O equipo goza dun formato moi transportable, pero non estamos ante un ordenador cativo, senón que conta cun procesador Intel Menlow a 2 GHz, con ata 2 Gb de memoria e 128 Gb de disco duro, que opera con Windows 7 Home Premium, carece de ventilador para un funcionamento silencioso e goza dunha autonomía de ata 7 horas.
A pantalla do LG X300 é de 11,6 polgadas, ten cámara web de 1,3 Mpíxeles, sistema de son SRS TruSurround HD e incluso integra un modem 3G para facilitar a súa conectividade sen fíos mediante banda larga móbil (polo que non sería de sorprender que puidera adquirirse de xeito subvencionado xunto cunha tarifa plana de datos).

PUBLICIDADE