LG presentará no CES a nova xeración de televisores con webOS

xoves, 18 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Cando estamos en plena campaña de Nadal os fabricantes de electrónica de consumo xa están a mirar a 2015 e dende LG adiantan que entre os días 6 e 9 de xaneiro van levar ao CES de Las Vegas unha nova xeración dos seus televisores conectados, que confirman a súa aposta pola plataforma webOS 2.0 Smart TV, que busca facer cada vez máis doado o uso avanzado do televisor, á vez que procura que estas tecnoloxías sexan a porta a novos contidos audiovisuais en liña.
LG apostou por webOS ante a frustración que provocaban a meirande parte das tecnoloxías de Smart TV nos consumidores, buscando unha maior facilidade de uso, factor no que parecen ter conseguido importantes avances, como demostraron as boas vendas dos televisores conectados de LG, con máis de 5 millóns de unidades vendidas nos primeiros 8 meses do ano.
Coa webOS 2.0 espérase reducir o tempo de inicio do sistema nun 60% e axilizar o acceso aos contidos que, por exemplo, no caso da carga de YouTube dende a pantalla de inicio do televisor veríase mellorado o seu tempo de carga até un 70%. O novo sistema tamén permitirá que os consumidores poidan personalizar as súas canles en directo favoritas na barra de lanzamento, así como tamén permitirá realizar axustes no televisor sen interromper o programa que se estea a ver.
No que a contidos se refire, tamén chegaron a acordos con provedores como Amazon e Netflix para que os nvoos contidos en ultra alta definición que sairán durante 2015 vaian estar dispoñibles para estes televisores, o que incluirá series de televisión como House of Cards e Marco Polo, e numerosas películas de éxito.

PUBLICIDADE